VÍCTOR ANEIROS

Considerado como un dos pioneiros do blues-rock en galego, inicia a súa carreira en solitario en 1999, formando Víctor Aneiros & Blue Notes e editando “Que el blues te acompañe”. En 2003 forma Víctor Aneiros Band e edita “Live in Montreux”, actuación que recolle un dos dous concertos que o grupo ofreceu neste Festival. Tan só un ano despois viu a luz o “Blues do amencer”, no que por primeira vez a lingua galega é a única encargada de combinar coas melancólicas melodías bluseras. Seguindo esta liña buscou ir un paso máis aló e servirse das liñas escritas polos máis grandes escritores da lingua do noroeste para dotar de alma os once temas de “Heroe secreto”. Neste álbum, editado en 2008, dá unha nova vida a pezas de Rosalía de Castro, Luís Pimentel, Amado Carballo e mesmo fai a súa particular adaptación do himno da inmigración galega “Unha noite na eira do trigo” do poeta celanovés Curros Enriquez. Con todo, foi “Miña bala perdida”, escrito integramente por Víctor Aneiros, o tema estrela deste traballo, que chegou mesmo a ser nomeado á categoría de mellor canción en galego na XII edición dos premios da música en 2009. En 2010 lanza “Brétemas dá memoria”, o seu quinto disco no que teñen un gran protagonismo as palabras do poeta eumés Ramiro Fonte, que xa tivera musicado en “Na barra”, tema incluído en “Heroe secreto”. A melancolía característica da xuventude e da primeira madurez do escritor, que a pesar diso maniféstase cargado de enerxía, é hábilmente plasmado no álbum grazas á maxistral combinación da voz desgarrada de Aneiros e os seus enérxicos riffs no seis cordas. O traballo da banda quedou inmortalizado tamén en formato audiovisual en 2011 grazas ao DVD “Ao vivo”, gravado en directo durante un concerto ofrecido sobre as táboas do teatro Jofre de Ferrol ese mesmo ano. En 2012 Victor Aneiros Band colabora coa cantante canadense Julie Guravich nun proxecto que busca volver ás raíces do blues servíndose dos temas máis clásicos do xénero, que quedaron recompilados no álbum “Back from the blues”. En “A soidade pide copas nos bares”, editado en 2014, Aneiros fai unha revisión de temas extraídos de tres dos seus anteriores traballos, agora nunha nova forma acústica, pero en absoluto desenchufadas, que xuntas compoñen un sublime fresco ao redor da melancolía. No outono de 2017 nace “Un extraño entre la multitud”, producido coa colaboración de Segundo Grandío. Con este álbum Víctor Aneiros renóvase volvéndose moito máis roquero cunha selección de temas cantados, esta vez en castelán. Aneiros reflexiona sobre o paso do tempo ao seu redor e móstrase crítico cos problemas da sociedade actual, aínda servíndose dun desenfadado ton irónico. A súa traxectoria levoulle a subirse a escenarios de numerosos festivais. No panorama nacional destaca a súa participación en programas como o do Festival de Blues de Antequera (2000), o de Ritmo e Blues de Aragón (2001), no Festival de Blues de Cerdanyola, no que participou tanto en 2001 como en 2008, no de Reus (2002), no de Elorrio (2003), no de Getxo, onde formou parte do cartel tanto en 2004 como en 2014, no de Ourense en 2005 e no de Torreperogil (2006). Máis recentemente en 2013 participou no Festival de Jazz de San Javier (Murcia) e no de Jazz&Blues de Ribadeo un ano máis tarde. A nivel internacional, ademais do seu xa mencionada participación no Festival de Jazz de Montreaux, en Suíza no ano 2002. destaca a súa presenza nos escenarios portugueses, pois formou parte do programa tanto no Festival de Blues de Sta. María de Azores (2005), como no de Seia e no de Douro Blues de Gaia, ambos no ano 2007.