Os d'Abaixo - Miramar Plaia

A banda folk Os d'Abaixo está formada, entre outros, por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. O seu primeiro disco gravárono en directo no Festival Interceltique de Lorient, sen moitas pretensións, como era en realidade a banda, nacida co fin de amenizar os bailes folk da súa cidade. Pero a aceptación foi tal que comezaron a xirar por festivais e festas tanto de Galicia como de fora (Euskadi, Francia, Gales..).
Agora presentan Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, primeiro de estudio, composto por temas case todos inéditos provintes dun grande traballo de investigación, ao que tamén se adica a banda.
Un disco máis intimista onde o compoñente estético ten moito peso, tanto na coidada selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía.
No disco, cada un dos temas ven acompañado dunha detallada descripción que axuda a comprender o traballo de pesquisa do repertorio.